Todas as candidaturas

Pablo González

O período de votación desta edición xa rematou

Pablo González

Pablo González é un xornalista e politólogo vasco especializado na información da órbita ex soviética. A finais de febreiro de 2022 foi detido en Przemysl, onde cubría a crise de refuxiados ucraínos, polos servizos secretos poloneses. Desde aquela, leva máis de dous anos en prisión preventiva nese país, actualmente no cárcere de alta seguridade de Radom, sen que se presentara ningún cargo formal contra el.

Pablo González é un xornalista e politólogo vasco nacido en Moscova en 1982.Con estudos de filoloxía eslava e seguridade internacional, leva unha década cubrindo a información de Rusia e das antigas repúblicas soviéticas desde diferentes medios como a axencia EFE, La Sexta, Público ou Gara. Entre as súas coberturas destacan conflitos como o do Donbass e o de Nagorno-Karabakh. É director e cofundador do dixital Eulixe e membro do grupo de investigación GeopolitikaZ, ademais de doutorando na Universidade do País Vasco. 

González estaba a cubrir o conflito entre Rusia e Ucraína no Donbass cando o 6 de febreiro de 2022 os servizos secretos ucraínos o instaron a abandoar o país. Regresou a España, pero coa entrada das tropas rusas en Ucraína voou a Polonia, onde está afincado, para informar desde a zona. Apenas dous días despois de chegar, foi detido por axentes dos servizos secretos do país, tras o que pasou catro días sometido a interrogatorios sen asistencia legal nin consular e sen que os familiares ou os achegados puideran contactar con el.

O 3 de marzo de 2022, o Consulado de España en Polonia avisou ao seu avogado de que se encontraba no cárcere, acusado dun delito de espionaxe. Mais aínda non se presentaron cargos formais contra el, e continúa en prisión preventiva, para a que a lexislación polonesa non estabelece límites. Actualmente no cárcere de alta seguridade de Radom, está sometido a un réxime moi severo, nunha cela sen ventás e con só unha hora de paseo ao día. Non pode comunicarse telefonicamente coa familia e nestes dous anos, a súa muller só puido visitalo en dúas ocasións.   

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.