Todas as candidaturas

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF)

Candidatura na edición do ano 2023

Reporters Sans Frontières

Reporteiros Sen Fronteiras ou RSF (Reporters sans frontières) é unha organización non gobernamental internacional de orixe francesa que defende a liberdade de prensa no mundo e, en concreto, aos xornalistas perseguidos pola súa actividade profesional. 

Foi fundada en 1985 en Montpellier por catro xornalistas: Robert Ménard, Rémy Loury, Jacques Molénat e Émilien Jubineau. Recoñecida como unha organización de utilidade pública desde 1995, rapidamente adquiriu unha dimensión internacional. Ten a súa sede en París. Está dirixida desde agosto de 2012 por Christophe Deloire.

Organizada por zonas xeográficas, os seus obxectivos son tres: vixilancia en todo o mundo; loita contra a censura e apoio e protección a xornalistas. Anualmente realiza un informe sobre a situación mundial da liberdade de prensa no mundo no que se denuncian todos os ataques contra a liberdade de expresión.

Pero non sempre basta con rexistrar a información e facela pública a través dun informe, por iso existen delegacións de RSF que visitan constantemente lugares de conflito co fin de coñecer mellor as condicións de traballo dos xornalistas, avaliar a situación da liberdade de prensa, investigar os casos de xornalistas encarcerados ou asasinados e pórse en contacto coas autoridades do país.

A asociación tamén desenvolveu, co paso do tempo, dous polos específicos e esenciais nas súas accións: unha oficina especializada na censura en Internet e nos novos medios de comunicación, e un polo dedicado á asistencia de xornalistas que traballan en zonas difíciles (axuda material, financeira e psicolóxica).

No ano 2005, Reporteiros Sen Fronteiras recibiu o Premio Sákharov á liberdade de conciencia que outorga o Parlamento Europeo, compartido co movemento Damas de Branco e o avogado nixeriano Hauwa Ibrahim. É membro da rede Intercambio Internacional pola Liberdade de Expresión (IFEX) e posúe un status consultivo ante a Organización das Nacións Unidas e a Unesco.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.