Todas as candidaturas

Wael Al-Dahdouh

O período de votación desta edición xa rematou

Wael Al-Dahdouh

Wael Al-Dahdouh é un xornalista palestino, xefe da oficina de Al-Jazeera na Franxa de Gaza. O seu nome deuse a coñecer internacionalmente cando seguiu a informar dos ataques que sofre o seu país apenas unhas horas despois de que a súa muller, o seu fillo, a súa filla e o seu neto faleceran nun bombardeamento israelí. A súa figura simboliza a resistencia das comunicadoras e comunicadores palestinos, que están a ser vítimas dun masacre sen precedentes.

Wael Hamdan Al-Dahdouh naceu en 1970 no barrio de Zaytoun, o máis antigo da cidade de Gaza. Aínda que quixo estudar medicina no estranxeiro, a negativa de Israel a deixalo saír de Gaza fíxoo centrarse no xornalismo, licenciándose pola Universidade Islámica de Gaza en 1998. Foi correspondente en Gaza de medios palestinos como o xornal Al-Quds e a emisora de radio A Voz de Palestina. En 2003 comeza a informar para a canle de televisión saudita Al-Arabiya, tras o que pasará a traballar como reporteiro e funcionario na oficina de Al-Jazeera desde 2004.

O seu nome fíxose moi coñecido a nivel internacional o pasado 25 de outubro de 2023, cando a súa muller, a súa filla Sham de sete anos, o seu fillo Mahmud de 15 e un neto de só 18 meses morreron nun ataque israelí sobre o campo de refuxiados de Nuseirat. Al-Dahdouh, que estaba a cubir os bombardeamentos, conectou coa televisión en directo apenas unhas horas máis tarde: “Malia a dor e as feridas abertas, sentín que era o meu deber volver porme diante da cámara".

Ademais, o pasado 7 de xaneiro, o seu fillo máis vello, Hamza Al-Dahdouh, tamén xornalista e cámara de Al-Jazeera, morreu asasinado polos ataques dun dron israelí mentras realizaba unha cobertura con outros xornalistas entre Jan Yunis e Rafah. O propio Wael Al-Dahdouh resultou tamén ferido en decembro, cando un ataque israelí alcanzou unha escuela de Jan Yunis desde a que estaba a informar.

O nome de Wael Al-Dahdouh converteuse nun símbolo da resistencia dos e as xornalistas gazatís, que desde que se recrudeceu o conflito con Israel o pasado 7 de outubro están a ser vítimas dun masacre sen precedentes. Polo menos 89 comunicadores e comunicadoras palestinas foron asasinadas en menos de medio ano, polo que a candidatura de Al-Dahdouh quere servir tamén para honrar a memoria de todos eles. 

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.