Todas as candidaturas

Gervasio Sánchez

Candidatura na edición do ano 2007

Nado en Córdoba en agosto de 1959, Gervasio Sánchez Fernández licenciouse en 1984 na rama de Xornalismo da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Autónoma de Barcelona. Desde entón traballou como xornalista independente para diferentes diarios e revistas, especializándose en conflictos armados.

Non abundan as biografías profesionais equiparables á súa que, ademais, presenta concomitancias coa do estrañado José Couso. Pronto fará un cuarto de século desde que Gervasio decidiu traballar preferentemente –e, case sempre, de modo exclusivo- en zonas de conflicto por todo o mundo, de forma que viviu e cubriu con notable constancia, insólita valentía persoal e profesionalidade admirable a maior parte dos conflitos armados desde 1984.

Gervasio cre un deber vivir o seu xornalismo sobre a delgada liña que separa a vida e a morte. Pero non porque sexa un profesional temerario ou insensato, que en modo algún o é –como proba o simple feito de que siga vivo-, senón pola súa convicción de que alguén debe saber e contar os horrores do home para loitar contra o sufrimento humano. A súa forma de logralo é conseguir inquedarnos: a víctima, nas imaxes e os textos de Gervasio Sánchez, é sempre unha persoa, un ser humano. Testemuñando de forma concluínte e difícil a súa dor ou a súa morte, este xornalista admirable defende, a fin de contas, a vida como primeira liberdade do ser humano.