Todas as candidaturas

Edwy Plenel e Mediapart

Candidatura na edición do ano 2014

Edwy Plenel, (Nantes, 1952) fundador e director do xornal dixital francés Mediapart, é nestes momentos probablemente un dos xornalistas de investigación máis prestixiosos de Europa.

Plenel comezou a súa carreira profesional no diario Le Monde, que chegou a dirixir e que, co seu liderado, alcanzou as maiores cifras de vendas da súa historia. Abandonouno a finais de 2005, en desacordo cos seus propietarios. Foi precisamente en Le Monde onde Plenel iniciou unha traxectoria profesional radicalmente independente e crítica na que destaca a revelación dalgúns dos escándalos políticos máis soados da Presidencia de François Mitterrand, entre eles a decisión de encargar aos servizos segredos franceses o afundimento do Rainbow Warrior, o buque insignia da organización ecoloxista Greenpeace, cando se dispoñía a liderar unha protesta contra as probas nucleares de Francia no atol de Mururoa, no sur do Océano Pacífico.

Tras abandonar Le Monde, Plenel fundou en 2008 Mediapart, un diario dixital de pagamento e sen publicidade que se converteu nunha peza clave do ecosistema informativo francés. Nos seus seis primeiros anos, e a pesar de contar cun reducido equipo en comparación cos grandes medios tradicionais, Plenel impulsou a través de Mediapart, moitas veces en solitario, as investigacións xornalísticas máis relevantes de Francia. Abonda citar dous exemplos paradigmáticos: o escándalo L'Oreál (que enfrontou á accionista maioritaria da empresa, Liliane Bettencourt, e á súa filla e destapou a trama de financiamento ilegal do partido de Nicolas Sarkozy) e o caso Cahuzac (o ministro socialista Jérôme Cahuzac viuse obrigado a dimitir ano e medio despois de que Mediapart revelase que tiña diñeiro en Suíza que non declarara á facenda francesa).

Mediapart converteuse ademais nun exemplo de independencia e viabilidade económica. Independencia porque só obedece aos xornalistas que forman parte da súa redacción (non ten publicidade, depende exclusivamente dos seus lectores) e viabilidade porque demostrou que o xornalismo pode sobrevivir a través de internet ao afundimento do modelo industrial tradicional das grandes cabeceiras. Mediapart reparte beneficios dende hai dous anos, ten case 100.000 subscritores e dende 2013 é socio editorial en España de infoLibre, o diario dixital de pagamento que destapou o escándalo dos correos secretos de Miguel Blesa.