Todas as candidaturas

eldiario.es

Candidatura na edición do ano 2014

En 2012, ano de crise e nunha época de reconversión do xornalismo, naceu eldiario.es, un medio dixital de información e análise co foco posto na política e na economía no seu sentido máis amplo: o que afecta ás persoas máis que aos partidos ou aos mercados. O seu obxectivo é o de dar voz a tantos cidadáns en España que afogan ante unha oferta informativa cada día menos plural, cada vez máis monocorde e asfixiante.

eldiario.es está editado por unha sociedade limitada: Diario de Prensa Digital S.L. Máis do 50% desta empresa está en mans de persoas que traballan diariamente na redacción, que aportaron o seu diñeiro e o seu traballo para poder arrincar. Un grupo de xornalistas que, nas súas palabras, están movidos pola ambición de comprar a súa propia liberdade, reivindicar o oficio, ser donos da redacción na que traballan e garantir así que a liña editorial sexa independente e non responda a intereses ocultos.

eldiario.es baséase nunha serie de principios compartidos por toda a redacción. Creen nun xornalismo rigoroso, independente e tamén honesto. Adhiren á liberdade, á xustiza, á solidariedade, ao progreso sostenible da sociedade e ao interese xeral dos cidadáns. Defenden os dereitos humanos, a igualdade e unha democracia mellor, máis transparente e máis aberta.

Entre os principios fundamentais que editorialmente defende eldiario.es está a transparencia pública: o dereito dos cidadáns a acceder á información que xeran as administracións e a saber como se gasta o diñeiro de todos. Do mesmo xeito, e aínda que eles teñen moi claro que son un medio de comunicación e non unha administración, por coherencia viñeron publicando a súa propia contabilidade aos seus lectores, con total transparencia en canto aos seus ingresos, os seus gastos e os seus criterios ao investir o diñeiro.

Detrás de eldiario.es non hai ningún gran grupo empresarial, ningún favor político, ningunha subvención nin ningunha débeda co banco. Todos os nomes dos socios e o equipo están publicados nas súas páxinas.

eldiario.es cre na cooperación e a unión para crecer. Durante estes meses ha ir facendo acordos con redaccións locais de xornalistas en distintas rexións de España. A través destes acordos de colaboración, eldiario.es cedeu a súa plataforma e experiencia para axudar a que outras redaccións se integren á súa cabecera. Así se incorporaron as edicións de Cataluña, Andalucía, Asturias, Castela-A Mancha, Canarias, Comunidade Valenciana, Euskadi e Galicia.