Todas as candidaturas

The Guardian

Candidatura na edición do ano 2014

The Guardian é un xornal británico, fundado en 1821, coñecido até 1959 como The Manchester Guardian. Propiedade de Guardian Media Group, nos últimos tempos denunciou non só os abusos da espionaxe estadounidense e británico senón mundial ao publicar parte dos documentos que lle fixo chegar o ex-empregado da CIA Edward Snowden.

Alan Rusbridger, director de The Guardian foi vítima dunha campaña McCarthysta lanzada polos servizos secretos e animada pola prensa rival e o primeiro ministro, David Cameron, co inestimable apoio de deputados conservadores e laboristas.

O momento álxido desta agresión á liberdade de expresión levouse a cabo no pasado mes de decembro coa comparecencia do director do xornal, Alan Rusbridger, ante a Comisión de Interior da Cámara dos Comúns, onde o acusan de antipatriota e, sutilmente, de non amar ao seu país: el nacera en Rodesia do Norte, hoxe Zambia.

O director do diario respondeu a tan inesperada acusación afirmando: "Vivimos nunha democracia e a gran maioría da xente que está traballando nesta historia son británicos que teñen familia neste país, que aman este país (...) e unha das cousas na que somos máis patriotas é na natureza da nosa democracia, a natureza dunha prensa libre e o feito de que, neste país, se poida discutir e informar destas cousas".

O acoso ao diario The Guardian tivo dúas caras: primeiro, coas presións privadas das que o xornal fala cada vez con máis claridade, e logo coas presións públicas. Rusbrisger ten detallado o tipo de presións recibidas: "Inclúen censura previa e peticións para a destrución dos nosos discos duros a cargo dun alto funcionario de Whitehall (metónimo de goberno administrativo)".