Todas as candidaturas

Charlie Hedbo

Candidatura na edición do ano 2015

O semanario satírico francés Charlie Hebdo cumpre 45 anos como referente do humor crítico e irreverente, implacable cos abusos dos poderes institucionalizados, dos transfuguismos ideolóxicos oportunistas, ou das diversas caras da corrupción política, desde a económica ata a discursiva.

A liberdade de expresión sen tabús, que se rebela contra o apriorismo dos temas intocables, constitúe a bandeira histórica dunha publicación que se converteu en referencia en Europa por sentar as bases dun humor fresco, pegado á actualidade xornalística, gamberro e mesmo implacable desde a perspectiva do politicamente correcto.

Desde o seu nacemento en 1969, como resposta desobediente ás reiteradas prohibicións que sufrira o seu antecesor Hara Kiri, Charlie Hebdo fustigou os atropelos e extralimitacións de grandes corporación empresariais e financeiras. No eido da política, por poñer exemplos, censurou comportamentos da clase política francesa sen prexuízos ideolóxicos ou partidistas: a dereita xenófoba da familia Le Pen, a rede de corruptelas do neogaullismo, os delirios imperialistas do socialista François Mitterrand ou as tentacións suicidas da esquerda postcomunista.

Charlie Hebdo foi singularmente reprobatoria con respecto aos fundamentalismos de índole relixiosa e, como consecuencia diso, sufriu un atentado que acabou coa vida de once persoas. Á mañá do 7 de xaneiro deste ano, dous homes encarapuchados e vestidos de negro, portando senllas Kalashnikov, irrumpiron na sede do semanario en París e mataron a doce persoas, ademais de ferir de gravidade outras catro. Entre os asasinados figuran autores relevantes do humor gráfico non só francés, senón europeo, como Cabu, Wolinski, Honoré, Tignous e Charb. O atentado foi respostado por numerosísimas manifestacións a favor da liberdade de expresión, convocadas baixo o lema Je suis Charlie ('Eu son Charlie').

Esta candidatura ao premio José Couso quere ser un merecido recoñecemento a unha longa traxectoria no eido do xornalismo gráfico que reivindica a bandeira da irreverencia e da crítica máis libre, máis cáustica e combativa. E iso cobra unha maior significación tendo en conta a brutalidade do ataque recibido, que constitúe un atentado á cultura en liberdade. A causa de Charlie Hebdo nestes momentos representa a causa universal da expresión e da información en liberdade.