Todas as candidaturas

Yolanda Álvarez

Candidatura na edición do ano 2015

Yolanda Álvarez (Burjassot, 1974) é licenciada en Xornalismo polo CEU San Pablo de Valencia. En 2004 incorporouse a Televisión Española (TVE) na Comunidade Valenciana como presentadora e editora do programa de entrevistas e coloquio Umbrales, emitido na Canle Internacional de TVE.

Como enviada especial, Yolanda Álvarez cubriu as eleccións presidenciais de Irán de 2009 e a posterior revolta popular; os comicios de Irak de 2010; o conflito entre o Sáhara e Marrocos polo desaloxo do campamento en El Aaiún, en 2010; a "primavera árabe" en Túnez, a guerra en Libia e a revolta popular en Iemen (2011). Foi tamén enviada especial a Costa de Marfil, RD do Congo, Guinea-Bissau, Haití, Perú, Arxentina, Brasil, Francia (Cannes) e Ucrania (Chernóbil).

En xullo de 2011, foi nomeada correspondente da canle pública en Oriente Próximo, con sede en Xerusalén, en substitución de Rosa María Molló. As súas informacións como enviada especial a Gaza durante os ataques israelís do ano pasado provocaron que, en agosto de 2014, a embaixada de Israel a cualificara de "correa da transmisión das mensaxes, cifras, imaxes e datos de Hamás", unhas acusacións que foron contestadas polo Consello de Informativos da canle pública.

O 25 de marzo deste ano, a propia xornalista comunicaba a través de Twitter que a dirección da TVE lle comunicou que no renovaba o seu contrato como correspondente, obrigándoa a regresar á praza que ten por oposición en TVE en Madrid. O seu cesamento como correspondente, acompañado de cambios noutras cinco correspondencias, provocou numerosas críticas de persoas e colectivos que consideran que se deben a presións políticas.