Todas as candidaturas

Miguel Ángel Aguilar

Premiado na edición do ano 2016

Miguel Ángel Aguilar

Miguel Ángel Aguilar (Madrid, 1943) é un veterano xornalista e o Secretario Xeral da Asociación de Xornalistas Europeos. Dende 1980 ata 2015, desenvolveu o seu traballo como columnista de El País, xornal do que foi cesado o pasado mes de novembro como consecuencia de criticar o diario nunha reportaxe para o The New York Times

Graduado en 1969 na Escola Oficial de Xornalismo, Miguel Ángel Aguilar comezou na profesión en xaneiro de 1967 no diario Madrid, e apenas un mes despois foi procesado polo Tribunal de Orde Pública como autor dun editorial sobre os disturbios universitarios, causa da que saiu absolto. Trala desaparición do Madrid en 1971 por orde gobernamental, incorpórase a Cambio 16, medio do que será director de 1978 a 1980. En 1980 entra a traballar no diario El País, onde exercerá de correspondente político, corresponpondente diplomático e columnista. En 1981 funda a sección española da Asociación de Xornalistas Europeos e entre 1986 e 1990 é director da Axencia EFE.

En novembro de 2015 realiza unha crítica no The New York Times contra a coacción que se producía no El País por mor da presenza no Consello de Administracion de representantes do poder como o goberno de Qatar ou Telefónica. Na reportaxe, Aguilar afirma que "os xornais están nas mans dos acredores e tamén nas dun Goberno que os axuda a convencelos de que os xornais deberan seguir vivos incluso cando estean asfixiados polas débedas” e que "traballar en El País era un soño de calquera xornalista, pero agora hai xente que se vai coa sensación de que a situación acadou niveis de censura”, chegando á conclusión de que estamos “quizais no peor momento para a liberdade de expresión en España dende a morte de Franco”. Uns días despois destas declaracións foi cesado fulminantemente.

Tamén foi director de El Sol e colaborador en medios como Tiempo, La Vanguardia, Cinco Días, El Siglo, Telecinco, Cadena Ser, TVE e La Sexta. Dende setembro do 2015, é presidente editor do semanario Ahora. A liberdade de prensa e a independencia dos medios foron e son unha constante en toda a súa traxectoria.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.