Todas as candidaturas

Jorge Ramos

Candidatura na edición do ano 2017

Jorge Ramos

Jorge Ramos Ávalos, xornalista mexicano, ten unha extensa traxectoria profesional na que cubriu cinco guerras e entrevistou numerosos líderes mundiais. En agosto de 2015 foi expulsado dunha sala de prensa por Donald Trump, daquela candidato á Casa Branca, que lle negou o dereito a facer preguntas.

Iniciou a súa carreira na Cidade de México, de onde emigrou en 1983, tras un incidente de censura, a Los Angeles, onde comezou a traballar en Univisión. Dende 1986 é presentador do Noticiero Univisión, que se transmite nos Estados Unidos e13 países de América Latina, e dende 2007 conduce o programa Al punto, ademais de publicar unha columna semanal en máis de 40 xornais, distribuída por The New York Times Syndicate. Ao longo da súa carreira cubriu a guerra civil de El Salvador, a Guerra do Golfo, a de Kosovo, a de Afganistán e a de Irak. Tamén entrevistou a líderes mundiais como Álvaro Uribe, Barack Obama, Bill Clinton, Carlos Menem, Enrique Peña Nieto, Evo Morales, Fidel Castro, George W. Bush, Hugo Chávez, Ollanta Humala, Rafael Correa, o subcomandante Marcos, Vicente Fox ou Donald Trump.

Ten publicados once libros, e entre os premios que recibiu destacan oito Premios Emmy, un deles en 2012 pola súa traxectoria, ou o Burton Benjamin Memorial Award outorgado polo Comité para a Protección de Periodistas (Committee to Protect Journalists) en 2014. O 25 de agosto de 2015 protagonizou, moi ao seu pesar, un incidente con Donald Trump, no que o daquela candidato á presidencia dos Estados Unidos o expulsou da sala de prensa e lle negou o dereito a formular preguntas.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.