Todas as candidaturas

Nacho Carretero

Candidatura na edición do ano 2018

Nacho Carretero (CC BY-SA Praza Pública)

Nacho Carretero, xornalista galego, ten traballado e colaborado en numerosas redaccións, demostrando a súa capacidade de adaptación a distintos formatos e a medios de diversa orientación. É autor do libro Fariña, da editorial Libros del K.O., que en febreiro deste ano 2018 foi secuestrado por orde xudicial.

Nacho Carretero Pou naceu na Coruña no 1981. Comezou a traballar nas redaccións da Cadena Ser, Radio Nacional de España, Marca ou Qué! para despois pasar a ser freelance para medios como JotDown, XL Semanal, Gatopardo ou El Mundo. No 2015 comeza a traballar para El Español, xornal do que sairá nove meses despois. Actualmente, é reporteiro en El País. Ten realizado reportaxes sobre o narcotráfico en Galicia, o xenocidio de Ruanda, o virus Ebola en África, a guerra de Siria, a vaga de incendios forestais de 2017 en Galicia ou o Deportivo da Coruña.

En 2015 Libros del KO publica o seu libro Fariña sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90 d século pasado, que chega ás dez edicións e é adaptado para unha serie de televisión. Logo de que o ex alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar denunciase o autor por suposta vulneración do seu dereito á honra, a xuíza de Collado Villalba Alejandra Pontana ordenaba o secuestro cautelar da publicación e a retirada do libro. 

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.