Todas as candidaturas

Plataforma na Defensa da Liberdade de Información

Candidatura na edición do ano 2021

A Plataforma na Defensa da Liberdade de Información (PDLI) nace en 2014 pola preocupación dun grupo de organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais ante as ameazas aos dereitos de liberdade de información e de expresión en España. Recentemente, foi unha das impulsoras do Manifesto en defensa da liberdade de expresión e creación e o dereito á protesta

Reformas legais que penalizan o dereito de protesta e a difusión de información, como o Proxecto de Lei Orgánica sobre Protección da Seguridade Cidadá, ou que impiden o normal funcionamento de internet, como a reforma da Lei de Propiedade Intelectual; normas que obstaculizan o acceso á Xustiza, como a de taxas xudiciais; ou que neutralizan o dereito á información pública, como ocorre coa mal chamada Lei de Transparencia; ou prácticas que, desde o poder político, buscan o control dos medios, como a contratación de publicidade institucional como elemento discrecional para garantir a supervivencia de medios afíns fronte aos que non o son, poñen de manifesto o precario destes dereitos esenciais.

Ao mesmo tempo, nun contexto de crise económica e política no que xorden novas formas de protesta apoiadas en gran medida na liberdade de información que, en particular, permite internet, desde o poder reacciónase con contundencia para frear o seu desenvolvemento, a través de iniciativas que chegan a vulnerar dereitos fundamentais.

Para impulsar accións que contribúan a deter esta perigosa tendencia, xurdiu a PDLI, integrada por organizacións de xuristas e avogados, como o Ilustre Colegio de Abogados de Madrid (ICAM), a Unión Progresista de Fiscales (UPF) ou a Comisión Legal Sol; de xornalistas, como a Federación de Sindicatos de Xornalistas; por medios como eldiario.es, 20minutos, a axencia Disopress, ou a revista Mongolia; asociacións de consumidores como a OCU e CEACCU; profesores de universidade e grupos de investigación como Manuel Sánchez de Diego (UCM), Manuel Maroto (UCLM) ou o grupo sobre redes, movementos e tecnopolítica da UOC; e xornalistas, cineastas e avogados como Mario Tascón, Virginia Pérez Alonso, Juan Luís Sánchez, Stéphane M. Grueso ou Carlos Sánchez Almeida.

Nos últimos meses, a PDLI ten alzado a voz contra numerosos perigos para as liberdades de expresión e información en España, como os ataques a contidos satíricos, a reforma da Lei Xeral de Telecomunicacións, a vixencia das denominadas leis mordaza, as agresións a xornalistas e acoso online a comunicadoras ou as carencias en cuestión de transparencia. Recentemente, foi unha das impulsoras do Manifesto en defensa da liberdade de expresión e creación e o dereito á protesta. Todo o seu traballo en defensa das liberdades de información e expresión xustifica esta candidatura ao Premio José Couso.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.