As bases

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), creado pola Lei do Parlamento Galego 2/99 do 24 de febreiro e o Club de Prensa de Ferrol convocan a vixésima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

José Couso foi disparado o 8 de abril de 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos de Tele5. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucraíno Taras Protsyuk. Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.

O XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa rexerase polas seguintes bases:

1. Poderá ser presentada ao Premio José Couso calquera persoa viva ou organización existente que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio da súa profesión como xornalista e por protexer o dereito a informar e a recibir información.

2. Calquera membro do CPXG ou do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta argumentada de candidato ou candidata para o Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada de forma demostrable ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa proposta.

3. As candidaturas deben incluír a seguinte DOCUMENTACIÓN:

  • a. MEMORIA que conteña as razóns para apoiar a devandita candidatura (mínimo dun folio, máximo de catro).
  • b. CURRÍCULUM VITAE do candidato/a ou traxectoria da organización (mínimo dun folio, máximo de catro).

A candidatura pode ir acompañada, de ser necesario, por outros tipos de material de apoio e, en xeral, por calquera documento que achegue datos relevantes e información adicional. Esta información poderá ser incorporada á web do Premio. Non se admitirán candidaturas que non inclúan a documentación anteriormente sinalada.

4. As candidaturas serán enviadas por correo electrónico a premiocouso@xornalistas.gal ou a través da páxina web https://couso.xornalistas.gal/. Deberá ir perfectamente identificada a persoa ou entidade que a propón e un número de teléfono de contacto para as comprobacións pertinentes.

5. As candidaturas deberán presentarse necesariamente antes das 14:00 horas do luns 26 de febreiro.

6. Non serán admitidas as candidaturas que non cumpran cos anteriores requisitos. A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. O Secretario do CPXG e do premio levantará acta sobre as candidaturas recibidas e entregadas, xunto coas mesmas, á organización. 

7. A Xunta de Goberno do CPXG e a Directiva do Club de Prensa de Ferrol nomearán unha comisión específica para o certame na que estarán representadas, como mínimo, a presidencia, vicepresidencia  e secretaría do premio. Esta comisión é o máximo órgano de decisión do premio e os seus ditames non admiten recurso algún. 

8. A comisión será a encargada de aprobar as candidaturas presentadas e de decidir o número de candidaturas finalistas do premio, que serán sobre as que votará o xurado. A comisión poderá rexeitar as candidaturas que considere que non compren co punto 1 das presentes bases. Non poderá haber máis de catro candidaturas finalistas.

9.  A comisión fará oficiais e públicas —na web do Premio e na sede do CPXG— as candidaturas o martes 5 de marzo.

10. O XURADO do Premio José Couso está constituído por todos e cada un dos colexiados e colexiadas do CPXG e socios e socias do Club de Prensa de Ferrol que teñan ao día o pagamento das súas cotas. Cada entidade participante é responsable de ter ao día e verificar o seu censo. O Decano do CPXG, a Presidenta do Club de Prensa e o secretario do CPXG ostentarán, respectivamente, a presidencia, vicepresidencia e secretaría do xurado.

11. O xurado poderá votar única e exclusivamente a través de internet. A votación electrónica realizarase entre os días 5 de marzo e as 14:00 horas do luns 8 de abril na web do premio, https://couso.xornalistas.gal/.

Os colexiados e colexiadas do CPXG realizarán o seu voto a través da intranet da web do CPXG. Os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol realizarán o seu voto enviando un mail co seu candidato a premiocouso@xornalistas.gal. Deberán enviar a súa elección e incluír os seus datos persoais (nome, DNI e número de asociación). O voto non será válido se os datos non foran correctos. Só se aceptará un voto procedente da mesma conta de correo electrónico.

O Secretario do CPXG levantará acta dos votos recibidos, quen os contará atribuíndollos a cada unha das candidaturas. O Premio seralle concedido á candidatura que obteña a maioría dos votos. En caso de empate, o presidente do xurado disporá de voto de calidade.

Este procedemento será supervisado por un notario, quen levantará acta do resultado.

12. O Premio José Couso é un recoñecemento promovido pola profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador ou gañadora recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.

13. O fallo do xurado darase a coñecer en rolda de prensa.

12. A participación no certame implica a aceptación completa destas bases, depositadas ante a autoridade notarial.

​Se queres, podes descargar as bases en formato PDF.