O Premio

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol crearon o Premio José Couso de Liberdade de Prensa en memoria do cámara ferrolán José Couso, asasinado no Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría o conflicto bélico en Iraq para os informativos de Tele 5.

Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.

O obxectivo deste galardón, consistente nunha estatuíña do escultor Manuel Patinha titulada «Ás Ceibes», é recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

  • Presidente do Xurado: Francisco José González Sarria
  • Vicepresidenta do Xurado: Xulia Díaz Sixto
  • Secretario de Organización: Darío Janeiro