Todas as novas

A Audiencia Nacional ordena a busca e captura dos militares imputados pola morte de José Couso

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz volveu a ordenar hoxe a captura dos militares imputados pola morte do cámara de Tele 5 José Couso o 8 de abril de 2003 en Iraq. Pedraz reactivou o caso Couso coa petición de busca e captura internacional, a efectos de extradición, dos os tres sodados estadounidenses que dispararon aquel día contra o hotel Palestina de Bagdade, onde se encontraban os xornalistas que cubrían a guerra de Iraq. O maxistrado xa ditara estas mesmas ordes o 19 de outubro de 2005, pero a súa decisión quedou sen efecto despois de que a sala do penal da Audiencia Nacional acordase o pasado 10 de marzo arquivar a causa ó considerar que se tratou dun "acto de guerra contra inimigo erroneamente identificado" e que España non era competente para xulgar ós militares norteamericanos.

Porén, Pedraz reactivou hoxe as ordes internacionais de detención a través da Interpol, despois de que o pasado 5 de decembro o Tribunal Supremo estimase por unanimidade o recurso interposto pola familia de Couso contra a decisión da Audiencia Nacional.

O cámara de televisión morreu nun ataque realizado polo Exército de Estados Unidos o 8 de abril de 2003 contra o Hotel Palestina de Bagdade, no que tamén faleceu Taras Protsyuk, da axencia Reuters.

Ordes internacionais

Finalmente, o pasado 14 de decembro, o Tribunal Supremo resolveu que a Audiencia Nacional era o tribunal competente para investigar estes feitos, fundamentalmente porque a nacionalidade de Couso, morto en Bagdade (Iraq) por disparos dun tanque estadounidense, supón un plus de lexitimación para que a Xustiza española -e concretamente a Audiencia Nacional- investigue o caso. Así dispuxo remitir a causa ó instrutor, que hoxe reactivou, vía Interpol, as ordes internacionais de detención dos tres militares: o sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip de Camp.

Tras a decisión do Supremo, o avogado da viúva solicitou a semana pasada ó xuíz que volvese a ordenar estas detencións e que decretase a prisión incomunicada e sen fianza dos militares, ó entender que foron eles os que deron a orde ou dispararon desde o tanque causando a morte de Couso.

O avogado indicou, tras facer estas peticións, que de non prosperar o solicitado ou no caso de que Estados Unidos non extradite ós tres militares, a familia de Couso e el están dispostos a recorrer a outras instancias, como á aplicación da resolución do Consello de Seguridade da ONU do pasado 23 de decembro.

MADRID
EL PAÍS / EFE