Todas as novas

A Audiencia pide a EEUU datos dos militares relacionados coa morte de Couso

O xuíz Santiago Pedraz pediu á embaixada de Estados Unidos que lle facilite os datos persoais dos tres militares estadounidenses ós que ordenou deter pola súa presunta implicación na morte, o 8 de abril de 2003 en Bagdade (Iraq), do cámara de Telecinco José Couso. Segundo fontes xurídicas, Pedraz tivo que dirixirse á embaixada para pedir a filiación destes tres militares despois de que Interpol lle comunicase que sen eses datos non podía facer efectivas as tres ordes de busca e captura e detención internacional, a efectos de extradición, que ditou contra eles o pasado 16 de xaneiro.

Esta é a segunda vez que Pedraz ordena a detención destes militares -o sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip de Camp-, xa que, despois de ditar esta mesma orde o 19 de outubro de 2005, a Sala do Penal da Audiencia Nacional anulouna ó considerar que a morte de Couso foi en "acto de guerra contra inimigo erroneamente identificado".

A Sala estimou tamén que España non era competente para xulgar ós militares norteamericanos, o que motivou o arquivo da causa.

Finalmente, o pasado 14 de decembro, o Tribunal Supremo resolveu que a Audiencia Nacional era o tribunal competente para investigar estes feitos, fundamentalmente porque a nacionalidade de Couso, morto no Hotel Palestina de Bagdade por disparos dun tanque estadounidense, supón un plus de lexitimación para que a Xustiza española -e concretamente a Audiencia Nacional- investigue o caso.

Tras a decisión do Supremo, o avogado da viúva solicitou a semana pasada ó xuíz que volvese a ordenar estas detencións e que decretase a prisión incomunicada e sen fianza dos militares, ó entender que foron eles os que deron a orde ou dispararon desde o tanque causando a morte de Couso.

Ó ordenar as detencións, Pedraz preguntou ó fiscal sobre a posibilidade de decretar o embargo de bens da Administración estadounidense para responder das eventuais responsabilidades civís subsidiarias derivadas do proceso, pero o representante do Ministerio Público aínda non se pronunciou.

MADRID
EL MUNDO / EFE