Todas as novas

A familia de José Couso manterá a súa loita xudicial

Logo de que un auto da Sala do Penal da Audiencia Nacional ordenase a conclusión inmediata do sumario, a familia do cámara asasinado en Iraq insiste a través dun comunicado que o caso "non está pechado". O xuíz, unha vez ditada a resolución, deberá elevar os autos á Sala do Penal, quen decidirá ou ben a apertura do xuízo oral ou ben o sobresemento do atuado. Así, informan que recorrerán ante o Tribunal Constitucional.

A familia Couso Permuy subliña, nos cinco puntos do seu escrito, que "nin hai arquivo definitivo, nin se acabou aínda a vía xudicial no Estado Español", e aseguran que manterán a súa "vontade de seguir a batalla xudicial". Asemade, denuncia "a actuación obstrucionista da Fiscalía e de algúns maxistrados que só buscan bloquear a investigación da morte do xornalista, na que hai indicios claros dunha vulneración do Dereito Internacional Humanitario, que suporían de feito un crime de guerra".

Os familiares do cámara galego entenden que "esta actitude propicia a impunidade de determinados militares segundo sexa a súa nacionalidade" e recordan que "con impunidade non pode existir a verdadeira xustiza". Finalmente conclúen afirmando que "a loita pola Xustiza e contra a impunidade segue viva".

VIEIROS