Todas as novas

A guerra e os xornalistas

Santiago Pedraz é un nome que, desde agora, os xornalistas de todo o mundo deberán lembrar. É o dun xuíz español que tivo a coraxe de lanzar, o pasado 16 de xaneiro, unha orde de detención internacional contra tres militares estadounidenses (...) (...) -Thomas Gibson, Philip Wolford e Philip De Camp- que o 8 de abril de 2003 mataron en Bagdade dun disparo de tanque ó camarógrafo galego José Couso que se encontraba, xunto con decenas de correspondentes estranxeiros, no hotel Palestina cubrindo a ocupación da capital iraquí polas forzas norteamericanas.

A admirable familia de Couso non cesou de reclamar xustiza. Despois de constatar que os feitos non eran perseguidos nin en Iraq nin en Estados Unidos, e que ata organizacións como Reporteiros sen Fronteiras aceptaban a morte de José Couso como "consecuencia normal dunha guerra", os familiares do cámara morto presentaron unha querela ante a Audiencia Nacional, que decidiu arquivar o caso. Sen descorazonarse, a familia acudiu entón ó Tribunal Supremo. Este acáballe de dar a razón, e resolveu que a Audiencia Nacional é competente para investigar os feitos.

O Supremo fundamentou a súa decisión nunha sentenza ditada en outubro de 2005 polo Tribunal Constitucional, que declarou que a Xustiza española ten competencia para investigar crimes de lesa humanidade, e que o principio de xurisdición universal prima sobre a existencia ou non de intereses nacionais.

Nese marco, o xuíz instrutor Santiago Pedraz lanzou unha orde internacional de detención e solicitou a colaboración das autoridades estadounidenses para tomar declaración ós tres presuntos asasinos. Pero Departamento de Xustiza de Estados Unidos negouse a prestar esa colaboración baixo o pretexto que o Comando Central do Exército norteamericano xa investigou os feitos e concluíu que o comportamento dos tanquistas fora unha "resposta xustificada e proporcionada" segundo as regras da guerra.

Insatisfeito con semellante resposta, o maxistrado Santiago Pedraz reclama a extradición dos acusados para que poidan ser xulgados en España.

Non é a primeira vez que militares norteamericanos matan a un xornalista español. Fixérono xa, con maior aleivosía, se cabe, en decembro de 1989, no marco dunha intervención militar, tamén ilegal, non autorizada pola ONU, en Panamá. Co propósito de derrocar ó presidente Manuel Noriega, quen, como Saddam Hussein, fora longo tempo aliado de Washington, abateron ó fotógrafo de El País, Juan Antonio Rodríguez.

Tamén nesa ocasión dixeron que se trataba dunha "consecuencia normal da guerra", cando sabemos que a consigna dos militares estadounidenses era que non houbese testemuñas non controladas, para poder así presentar ó mundo unha versión aséptica e parcial dunha intervención militar que causou varios miles de mortos civís panameños.

Existen probas fidedignas de ataques directos contra órganos de prensa e xornalistas por parte das forzas armadas estadounidenses. Por exemplo, en novembro de 2001, avións norteamericanos lanzaron bombas de precisión contra os estudios de Al Jazeera en Kabul, reducíndoos a entullos. E volvérono facer en abril de 2003 en Bagdade, causando a morte do xornalista Tarik Ayyub.

En Iraq, desde o comezo da guerra, o 20 de marzo de 2003, morreron xa 93 xornalistas e 37 asistentes (tradutores, choferes, guías). Varios profesionais da información, ademais de José Couso, foron abatidos por militares norteamericanos. A axencia Reuters, por exemplo, acusa ó Pentágono de ser culpable da morte de polo menos tres dos seus xornalistas. A guerra non debe ser un pretexto para silenciar a prensa. Por iso a causa de José Couso é a de todos os xornalistas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
EL PAÍS