Todas as novas

Aberto ata o 5 de marzo o prazo para presentar as candidaturas ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu esta mañá a presentación da X edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. O Vicepresidente do Club de Prensa de Ferrol, Xoán Rubia, quixo comezar o acto cunha lembranza a Marc Marginedas, Javier Espinosa e Ricardo García Vilanova, profesionais da comunicación secuestrados en Siria, destacando que o xornalismo segue a ser "unha actividade de alto risco".

A continuación, anunciou a abertura do prazo de presentación de candidatos. Ata as 20:00 horas do 5 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 7 de marzo. O 8 de abril darase a coñecer o fallo do xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa. O 30 de abril terá lugar o acto de entrega en Ferrol que contará co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalabe e a estrea dunha obra musical do compositor coruñés Xavier de Paz.

Manuel Jesús Márquez, xefe de zona da Coruña de ‘la Caixa’, deu as grazas ao CPXG e ao Club de Prensa de Ferrol polo seu esforzo en manter un premio para unha profesión que ten moitas dificultades. "Necesitamos os xornalistas porque son precisos medios con boa saúde, e por iso é que la Caixa continúa apoiando este proxecto", manifestou.

O acto pechouno o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, que lembrou os dez anos que ten o certame, "xa consolidado", e se congratulou da presenza dos profesionais da comunicación no acto, "tendo en conta a actual situación dos medios ferrolanos".

Pereiro iniciou a súa intervención rememorando unha vez máis a memoria de José Couso e a petición, "pese a todos os atrancos que poñan", de que se faga xustiza polo seu asasinato. O decano de CPXG quixo pedir tamén a liberdade dos xornalistas actualmente secuestrados en Siria.

"O xornalismo ten unha mala saúde de ferro, pero iso non nos pode facer esquecer os males que padece. A precariedade non só a padecemos aquí, senón que tamén chega aos sitios en conflito, onde a información a fan cada vez máis freelance sen ningún tipo de cobertura das empresas e así pasan casos como o de Molhem Barakat, un rapaz de 18 anos que traballaba sen casco e sen chaleco para Reuters a 10 dólares a foto", manifestou.

A presentación rematou emprazando aos medios para o próximo 8 de abril cando se fará público o fallo do xurado.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.com.

Ferrol, 4 de febreiro de 2014

CPXG