Todas as novas

O Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol convocan a XIV Premio José Couso de Liberdade de Prensa

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol convocan unha nova edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata as 19:00 horas do martes 13 de marzo.

O premio, que leva o nome do cámara ferrolán asasinado en Bagdad no 2003, ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.gal ou a través da web do Premio Couso. 

Ata as 19:00 horas do 13 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 20 de marzo. Entre o 20 de marzo e as 19:00 horas do 10 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios e socias do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

Esta prevista que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos entre os que está previsto a actuación musical que cada ano ameniza o certame.

O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

CPXG