Todas as novas

Mavi Doñate, Fernando Garea e Lorenzo Milá son os candidatos ao XVI Premio Couso

Tres candidaturas concorren ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, na súa décimo sexta edición: a actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate; o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea; e Lorenzo Milá,  correspondente tamén de Televisión Española, neste caso en Roma.

Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Ata as 14.00 horas do 17 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir a candidatura gañadora.

Sobre os candidatos

Mavi Doñate, actual correspondente de TVE en Asia-Pacífico, mostra o seu saber informando de xeito absolutamente comprensivo para a audiencia e tendo unha disposición plena para o labor de correspondente nunha extensísima área xeográfica chea de problemas e conflitos moi específicos. Na actualidade, serve de liña informativa para todas as persoas interesadas na evolución do coronavirus, con epicentro na cidade chinesa de Wuhan.

Fernando Garea, xornalista especializado en crónica parlamentaria, ten unha longa traxectoria en numerosos medios. En xullo de 2018 foi proposto polo goberno de Pedro Sánchez para presidir a Axencia EFE. Un ano e medio despois, en febreiro de 2020, o Secretario de Estado de Comunicación comunicáballe a súa destitución. No sector dos medios eran coñecidas as súas diferencias con algunhas directrices que chegaban desde o executivo á Axencia EFE.

Lorenzo Milá ten unha longa traxectoria como correspondente de TVE, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia do ente público como demostran os informativos que presentou en La 2 e en Telediario 2. Desde o 2014, é o correspondente en Italia de Televisión Española, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre o COVID-19.

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 17 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As quince edicións anteriores foron para Defende A Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia