Todas las noticias

Lydia Cacho, Daria Chultsova e Katerina Bakhválova, a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información e Manuel Rico, candidatos ao XVII Premio Couso

Catro candidaturas concorren ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, na súa décimo sétima edición: a xornalista, activista e escritora mexicana Lydia Cacho; as informadoras bielorrusas condenadas recentemente a dous anos de cadea Daria Chultsova e Katerina Bakhválova; a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información, que agrupa organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais; e Manuel Rico, actual director de investigación do InfoLibre, cunha longa traxectoria no xornalismo de investigación. 

As candidatas e candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as catro candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar  todos os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol ata as 14.00 horas do 30 de marzo.

Sobre as candidaturas

Lydia Cacho, xornalista, activista e escritora mexicana, denunciou a mafia da pederastia en México, o que a levou a sufrir ameazas, ser secuestrada polo gobernador de Puebla Mario Marín Torres en 2005, e finalmente exiliarse. O pasado 3 de febreiro, Mario Marín, que levaba prófugo dous anos, era por fin detido polas torturas e a detención ilegal de Cacho. 

Daria Chultsova e Katerina Bakhválova son dúas xornalistas bielorrusas de Belsat, condenadas este 18 de febreiro a dous anos de prisión por gravar as manifestacións en Minsk tras a morte dun mozo opositor en estrañas circunstancias. A súa condena significa un paso máis nos ataques do réxime de Belarús, que mantén outros once xornalistas encarcerados, á liberdade de prensa. 

A Plataforma na Defensa da Liberdade de Información (PDLI) nace en 2014 pola preocupación dun grupo de organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais ante as ameazas aos dereitos de liberdade de información e de expresión en España. Recentemente, foi unha das impulsoras do Manifesto en defensa da liberdade de expresión e creación e o dereito á protesta

Manuel Rico, fundador e actual director de investigación de infoLibre, é un destacado xornalista de investigación, autor de numerosas exclusivas ao longo da súa traxectoria profesional. Nos últimos meses denunciou a dramática situación das residencias de maiores durante a pandemia, moitas das cales están en mans de grandes grupos privados. 

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 30 de marzo co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezaseis edicións anteriores foron para Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

WEB DO PREMIO COUSO

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia