Todas as novas

Érika Reija: "A pesar dos desencantos, sigo a pensar que esta é a profesión máis fermosa do mundo"

Érika Reija, xornalista da Televisión Española, recibiu esta mañá no Centro Torrente Ballester de Ferrol o XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. A comunicadora luguesa manifestou o seu desexo de regresar "a unha Rusia máis libre" e dedicou o galardón aos xornalistas independentes dese país e aos informadores mortos, "especialmente na guerra de Ucraína".

Os actos de entrega a Érika Reija do XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol, tiveron lugar esta mañá en Ferrol. A xornalista luguesa recibiu o galardón deste ano logo de ter que abandonar a correspondencia de Moscova da Televisión Española tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico.

O programa de actos iniciouse ás 11:00 no Centro Torrente Ballester coa recepción da premiada por parte do alcalde e corporación municipal e a sinatura no libro de honra da cidade. Posteriormente, Érika Reija participou nun coloquio aberto coa xornalista ferrolá Patricia Hermida, no que se trataron temas como a situación do xornalismo en Rusia, a cobertura informativa da guerra de Ucraína ou os teitos de cristal da profesión. Reija relatou como foi o proceso que a levou a abandonar Moscova e expresou o seu desexo de regresar "a unha Rusia máis libre", ademais de reivindicar a necesidade da igualdade na profesión e de que os medios "aposten por un tipo de cobertura que dea o tempo e os recursos para informar ben".  A xornalista quixo recordar tamén o asasinato de José Couso, "que me confirmou que quería facer ese tipo de información" e tivo unhas palabras para Pablo González, pedindo que se aclare a súa situación e que se poida poñer en contacto coa súa familia. Por último, asegurou que "a pesar dos desencantos, sigo a pensar, como Kapuściński, que esta é a profesión máis fermosa do mundo".

Ás 13:00 deu comezo a cerimonia de entrega do premio, presentada por Patricia Hermida. Nela, Lorena Bustabad deu leitura ao manifesto "A profesión ou a vida", escrito por ela xunto a Patricia Hermida e Marta Corral, en nome da organización, e que denuncia que "á desigualdade histórica de ser muller" se engaden outras eivas para as profesionais dado que "o xornalismo ten os seus propios machismos". Unha situación sobre a que se impón a forma máis dolorosa de censura, a autocensura, de xeito que "nós, que poñemos voz a tantos colectivos, calamos sobre a nosa propia precariedade". A continuación, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, e o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, entregaron o XVIII Premio José Couso a Érika Reija, que manifestou sentirise privilexiada polo galardón e quixo dedicarllo á prensa rusa independente e a todos os informadores mortos, "especialmente na guerra de Ucraína", así como á súa familia. Pechou o acto o alcalde, Ángel Mato, quen agradeceu á organización o compromiso con Ferrol e destacou a importancia de ter uns medios de información independentes.

A celebración rematou coa tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde Reija leu o texto "Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade", redactado por ela mesma con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, no que fai un chamamento a volver ás orixes do xornalismo, primando "a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas que engaden máis ruído ou ideoloxía que unha información rigorosa, veraz e de valor". 

A premiada

Érika Reija López, nada en Lugo, é licenciada en Xornalismo por la Universidad Complutense de Madrid e en Ciencias Políticas por la Universidade Nacional de Educación a Distancia. Especializada no mundo árabe, en 2004 entra a traballar en Televisión Española, como xornalista do equipo da Sección Internacional dos Telediarios. Foi enviada especial a diversos destinos, desde onde informó sobre a revolución da praza Tahrir en 2011 en Exipto, a caída de Gadafi en Libia ou o conflito entre Israel e Palestina pola Faixa de Gaza.​ Cubriu tamén o rescate dos mineiros chilenos de 2010 na mina San José.

No ano 2015 é nomeada correspondente de Televisión Española en Rabat e durante dous años cubre a información de Marrocos para a canle pública. En 2017 é enviada a Moscova para ocupar a correspondencia da capital rusa, desde onde se cubre para a televisión pública a información sobre Europa Oriental. A zona non era descoñecida para ella, que xa en 2014 fora enviada especial durante a anexión rusa de Crimea. Desde Moscova cubriu acontecimentos como a pandemia da covid-19, os recortes de liberdades, o efecto do cambio climático no permafrost siberiano ou a invasión de Ucraína.

O 5 de marzo deste año, abandonaba Rusia tras a aprobación dunha nova lei que prevé sancións de até 15 años de cadea pola difusión de noticias que o goberno ruso considere como falsas. Radiotelevisión Española sumábase así a numerosos medios internacionais que decidiran saír del país como medida de protección para os seus xornalistas ante a posíbel criminalización do seu traballo. 

Reija foi galardoada co premio Entre Mulleres, outorgado polo Concello de Lugo, e co​ Premio Internacional de Xornalsmo á Mellor correspondende española 2018, polo Club Internacional de Prensa e a Asociación de Corresponsales de Prensa Extranjera.

Érika Reija súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020) e Manuel Rico (2021) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 28 de maio de 2022
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia