Todas as novas

Wael Al-Dahdouh, Pablo González, Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi e Fran Sevilla, candidaturas do XX Premio Couso

O Premio José Couso posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol, fai vinte anos este 2024. Nesta nova edición, catro candidaturas optan ao galardón da liberdade de prensa: o xefe da oficina de Al-Jazeera en Gaza Wael Al-Dahdouh; o comunicador vasco encarcerado en Polonia Pablo González; Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, as xornalistas iranianas que revelaron o caso de Mahsa Amini; e Fran Sevilla, veterano periodista radiofónico madrileño especializado na cobertura de conflitos.

As candidatas e candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar  todos os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol ata as 14.00 horas do luns 8 de abril.

Sobre as candidaturas

Wael Al-Dahdouh é un xornalista palestino, xefe da oficina de Al-Jazeera na Franxa de Gaza. O seu nome deuse a coñecer internacionalmente cando seguiu a informar dos ataques que sofre o seu país apenas unhas horas despois de que a súa muller, o seu fillo, a súa filla e o seu neto faleceran nun bombardeamento israelí. A súa figura simboliza a resistencia das comunicadoras e comunicadores palestinos, que están a ser vítimas dun masacre sen precedentes. 

Pablo González é un xornalista e politólogo vasco especializado na información da órbita ex soviética. A finais de febreiro de 2022 foi detido en Przemysl, onde cubría a crise de refuxiados ucraínos, polos servizos secretos poloneses. Desde aquela, leva máis de dous anos en prisión preventiva nese país, actualmente no cárcere de alta seguridade de Radom, sen que se presentara ningún cargo formal contra el.

Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi son dúas xornalistas iranianas coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini, a primeira desvelando a súa morte e a segunda cubrindo o seu funeral. A causa desas informacións, foron detidas e condenadas en 2022 a trece e doce anos de prisión, respectivamente, dos que cumpriron quince meses, tras os que saíron en liberdade baixo fianza coa prohibición de exercer a profesión. 

Fran Sevilla é un xornalista radiofónico madrileño especializado na información de guerra en todo o mundo. Tras unha etapa na que traballou como freelance, en 1988 entrou como redactor en Radio Nacional de España, desde onde informou dos conflitos do Golfo Pérsico, a antiga Iugoslavia, Afganistán, Iraq, Ucraína ou Gaza, entre moitos outros. O seu labor xornalístico tense caracterizado pola defensa dos máis débiles e dos dereitos humanos. 

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 8 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezanove edicións anteriores foron para Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia