Todas as novas

Daniel Anido e Rodolfo Irago, gañadores da VI edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Os xornalistas da cadena SER Daniel Anido e Rodolfo Irago foron proclamados hoxe gañadores do VI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. O fallo deuse a coñecer esta mañá na Galería Sargadelos de Ferrol nunha rolda de prensa na que se anunciou tamén que os actos de entrega terán lugar o vindeiro 7 de maio no Teatro Jofre e contarase, novamente co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonía de Galicia.

O acto comezou coa intervención do presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, quen destacou a mala situación da profesión xornalística na actualidade e lembrou os miles de parados, resaltando que "non hai peor ditadura que a econóimica nin peor traxedia humana que o paro". Pediu precaución "coas sentencias que inhabilitan xornalistas e que pechan medios de comunicación, porque ao final os delitos cométenos as persoas e non os medios" e estas actuacións xudiciais provocan peches e despedimentos. Neste sentido, reivindicou o "dereito a criticar as sentencias porque ao final estamos exercendo a liberdade de prensa".

Na rolda de prensa tamén estivo presente José Manuel Freire, en representación de Caixanova, quen sinalou que a entidade bancaria mantiña o seu apoio total ao Premio José Couso como mostra do comptomiso da entidade coa liberdade de prensa, e mostrou a súa felicitación aos premiados. De igual xeito, transmitiu no seu nome e no da entidade que representa os parabéns á organización pola relevancia que adquiriu o certame a nivel galego e estatal.

O secretario do premio, Darío Janeiro, lembrou que "hai unha semana se cumpriu o sétimo aniversario da morte de José Couso e aínda estamos á espera de que o seu asasinato, e o do seu compañeiro, Taras Protsyuk, sexa esclarecido e se tomen as medidas oportunas contra os culpables", afirmando que "non pode haber impunidade para este tipo de asasinatos". Houbo tamén unha lembranza para outros xornalistas que perderon a vida mentres realizaban o seu traballo: "Hoxe, en Ferrol, lembramos e denunciamos de novo estes crimes. Só no ano 2009 Reporteiros Sen Fronteiras cifrou en 76 os xornalistas asasinados. En 2010 van 7. Pero aínda que só fose un, sería xa un prezo demasiado alto a pagar." Janeiro deu lectura da acta, asinada polo señor notario D. Héctor Pardo García do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, co número 1.170. Abertos e recontados os votos, este levantou acta do resultado entre os catro candidatos que optaban ó galardón, sendo gañadores do premio Daniel Anido e Rodolfo Irago. Como cada ano, os gañadores foron elixidos en votación aberta e secreta polos colexiados/as do CPXG e polos asociados/as do Club de Prensa.

Pechou a comparecencia o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, quen salientou que "non son os primeiros galegos premiados, pero Rodolfo Irago si é o primeiro colexiado do CPXG" e destacou del os seus comezos como xornalista en Ferrol. Durante a intervención de Pereiro, falou tamén Daniel Anido por vía telefónica, quen agradeceu a súa "satisfacción" e a de Rodolfo Irago polo premio e confirmou que ambos os dous estarán no acto de entrega o vindeiro 7 de Maio en Ferrol. Anido, por último, quixo destacar que o seu caso non é máis do que "unha anécdota" dentro sunha serie de ataques á liberdade de expresión que sofren os medios na actualidade.

Daniel Anido, director da cadena SER, e Rodolfo Irago, xefe de informativos da mesma emisora, enfrentanse á unha discutida sentencia que os condena a un ano e nove meses de prisión e penas accesorias de inhabilitación especial para a dirección de medios de comunicación e o exercicio da actividade xornalista e a inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo que dure a pena privativa da liberdade imposta por "revelación de secretos". No seu día o CPXG emitiu un comunicado onde expresaba a súa fonda preocupación pola sentencia contra periodistas da SER e se solidarizaba cos afectados.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Anteriormente foron galardoados con este premio o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson, valenciano José Vidal-Beneyto e a catalana Rosa María Calaf

Ferrol, 15 de abril de 2010
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia