Todas as novas

Marcos Méndez: "Hai guerras desde sempre e espero que sempre haxa xornalistas para contalas"

Marcos Méndez, freelance lugués que está a cubrir a guerra de Ucraína, recibiu esta mañá no Teatro Jofre de Ferrol o XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol. O xornalista asegurou que "hoxe é un día moi feliz, pero estou aquí por contar moita dor".

Os actos de entrega a Marcos Méndez Moreira do XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol, tiveron lugar esta mañá en Ferrol. Méndez afirmou que "para min é unha honra e unha grandísima responsabilidade" que o seu nome estea "ligado, para sempre, ao de José Couso". 

O programa de actos iniciouse ás 11:30 coa tradicional ofrenda floral nas ‘Ás Ceibes’ do Cantón de Molíns, onde a xornalista do Diario de Ferrol Verónica Vázquez Cabeza deu lectura ao manifesto elaborado por ela mesma, no que denuncia que "a precariedade e o intrusismo son dous males que semellan non ter cura" para o xornalismo, "un enfermo que resiste, parece, o que lle boten". Vázquez aproveitou tamén "para pedir respecto ao noso traballo, para difuminar calquera intento de presión durante as xornadas frenéticas que nos agardan" na campaña electoral. Posteriormente, o decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, depositaron a ofrenda ante a estatua do escultor Manuel Patinha.

A continuación realizouse no primeiro piso do Teatro Jofre a recepción do premiado por parte do alcalde, Ángel Mato Escalona, e o resto da corporación municipal. O premiado asinou no libro de honra da cidade, onde escribiu que "para un de Lugo estar en Ferrol é sempre coma estar na casa, máis cando un pasa a maior parte da súa vida fóra do noso país". 

Ás 12:30 deu comezo no escenario do Jofre a cerimonia de entrega do premio, presentada por Marta Corral. O premiado participou nun coloquio coa xornalista de Radio Ferrol Cadena SER Rebeca Collado García, onde repasou a súa experiencia como correspondente de guerra en Ucraína. Méndez manifestou que "hai guerras desde sempre e espero que sempre haxa xornalistas para contalas" e denunciou que, aínda que el é "freelance por decisión propia", moitos dos informadores que se atopan nesa situación non teñen outra opción. Para combater a precariedade, defendeu que "hai que facer ver á xente que a nosa é unha profesión, moi bonita, pero que non se pode exercer gastando os aforros". Desde un plano máis persoal, o xornalista dixo sentirse especialmente tocado pola crónica de cando entrou en Bucha e asegurou que "temos que ser o máis obxectivos posíbel pero eu asino as miñas crónicas co meu nome e apelidos e parte do que é Marcos está nelas". 

Méndez Moreira leu a continuación o Manifesto con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, da súa autoría, e recibiu de mans da presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, e do decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, o XIX Premio José Couso, un galardón que asegurou recibir no seu nome e tamén no dos seus compañeiros. Tras o discurso do alcalde, quen agradeceu á organización promover a entrega deste premio na cidade de Ferrol e lembrou que é "vital pelexar por ter liberdade de información", pechou o acto a actuación musical de Abril Fado Atlántico, proxecto musical nado en Ferrolterra no 2007 onde teñen cabida músicas como o tango, o choriño brasileiro ou músicas puramente clásicas, sempre coa instrumentación típica do fado portugués.

O premiado

Marcos Méndez Moreira naceu en Lugo en 1976 e é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidad de Navarra, ademais de ter o mestrado en Produción Audiovisual pola Universidad Complutense e o mestrado de Industrias Creativas na Universidade de Santiago de Compostela. Realiza o seu doutoramento cun traballo audiovisual sobre o tratamento en TVE do VIH durante os 30 primeiros anos da pandemia.

En 1996 comeza a incorporarse aos medios de comunicación, exercendo como xornalista en Localia Telelugo, Atlas Galícia (Tele5), Antena3 e TVE. Desde 2010 traballa como xornalista freelance en medios como a Televisión de Galicia, a Radio Galega, laSexta, Tele5, Cuatro, Alianza Informativa Latinoamericana e Tv Caracol. O seu labor xornalístico lévao aos cinco continentes, desde onde informou de acontecementos como as Olimpíadas de Sydney, a declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade ou a erupción do volcán Cumbre Vieja na Palma.

Desde o 25 de febreiro de 2022, é correspondente na guerra de Ucraína. Cubriu a crise de refuxiados, para logo chegar a Kíiv a mediados de marzo, cando comezou o asedio da capital. Estivo informando por todo o país. incluíndo o Donbás, Khárkiv, Mykolaiv ata Odesa. Foi dos primeiros informadores que entraron en Bucha a mañá do 2 de abril. As súas informacións apareceron en El Progreso, a TVG e Radio Galega, Telecinco, Cuatro, AIL ou Televisión Caracol de Colombia.

Os seus artigos para El Progreso, recollidos co título "Sobre o Terreo", valéronlle o premio da Asociación de Medios de Información no 2022, un ano no que tamén foi recoñecido nos galardóns Lucenses do Ano. 

Marcos Méndez súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020), Manuel Rico (2021) e Érika Reija (2022) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Ferrol, 6 de maio de 2023
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia