Todas as novas

Mónica García Prieto, Nikos Megrelis, Marcela Turati e José Yoldi, candidatos ao IX Premio José Couso

Catro candidaturas concorren este ano á IX Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, que conta coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’. Os candidatos propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades relacionadas coa comunicacon, son Mónica García Prieto, Nikos Megrelis, Marcela Turati e José Yoldi. Dende hoxe ábrese o prazo de votacións para que os colexiados do CPXG e asociados do Club de Prensa de Ferrol elixan ao gañador, que se dará a coñecer o 16 de abril.

Sobre os candidatos

Mónica García Prieto, correspondente en Oriente Próximo en Beirut para @phumano e @cuartopoder. A súa candidatura realízase en representación de todos os xornalistas que están a cubrir o conflito sirio, e sobre todo de quen, coma ela, faino sen a cobertura dun grande medio e sendo unha das poucas mulleres do xornalismo de guerra.

Nikos Megrelis, xornalista e realizador grego. En 2011, dirixe a súa película documental Shooting vs Shooting, emitida no cine. O documental trata sobre periodistas mortos en Iraq desde a invasión estadounidense ata hai ben pouco. Foi premio europeo Comenius Euro, polo seu documental televisivo sobre o naufraxio do Prestige e o desastre ecolóxico.

Marcela Turati, é cofundadora da rede Periodistas de a Pie, escribiu o libro Fuego cruzado: las vítimas atrapadas en la guerra del narcotráfico (Random House, 2011) e é coautora de La guerra por Juárez (Planeta, 2010). Turati é proposta pola súa cobertura da guerra contra o narcotráfico e polo papel que desempeñou na protección e formación dos xornalistas en Mexico, converténdose en bandeira de quen arriscan a súa vida para documentar a devastadora ola de violencia no país.

José Yoldi, xornalista que traballou durante 6 anos en Europa Press e 29 en El País. A súa candidatura realízase en representación de todos aqueles periodistas que pese a desenvolver brillantemente o seu cometido profesional, no seu caso por denunciar o uso irregular de fondos de Consello Xeral do Poder Xudicial polo seu presidente, están sendo inmerecida e inxustamente desaloxados das redaccións.

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 19:00 horas do 9 de abril na intranet de www.xornalistas.com. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.com.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa en Ferrol o 16 de abril. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, de Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o 9 de maio en Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. A Obra Social ‘la Caixa’ colabora desde o ano pasado na iniciativa. As oito edicións anteriores foron para o Consello de Informativos de TVE (2012); a organización WikiLeaks (2011); os xornalistas Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); a catalana Rosa María Calaf (2009); o xornalista valenciano Vidal Beneyto (2008); o xornalista estadounidense Jon Lee Anderson (2007); o xornal francés Le Monde Diplomatique (2006) e o xornalista marroquí Ali Lmrabet galardoado na primeira edición en 2005.