Todas las noticias

Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade

Din que a verdade é a primeira vítima dunha guerra. E na de Ucraína, unha vez máis, queren matala. O agresor, Putin, mesmo prohibiu usar as palabras "guerra" ou "invasión" para describir o que está a facer ao país veciño. Os xornalistas só poden falar de "operación militar especial" e limitarse a reproducir a versión do Kremlin. O contrario pode supor 15 anos de cárcere e o peche do medio.

Esta situación puxo ao xornalismo en Rusia ante un desatinado dilema: acatar a censura ou ir a negro. Os poucos medios independentes que loitaban por sobrevivir á xa asfixiante falta de liberdade de prensa tiveron que pechar. Moitas voces críticas exiliáronse por medo a represalias, nun país onde os xuízos a disidentes e as propias eleccións adoitan ser unha farsa ao servizo dun poder cada vez máis totalitario.

Na Rusia de Putin só se escoita xa a propaganda oficial, empregada a fondo en xustificar os seus ataques e construír unha realidade alternativa, segundo a cal matanzas como a perpetrada en Bucha serían unha montaxe.

Ante campañas de desinformación promovidas desde calquera Estado, o deber dos xornalistas é investigar para dar coa verdade. Difundir mentiras dana gravemente a opinión pública que, confundida ante a avalancha de teorías diversas e interesadas sobre un mesmo feito, pode chegar erroneamente á conclusión de que "a verdade non se pode descubrir". Que agresores e agredidos, vítimas e verdugos, son o mesmo. 

A verdade só é unha. É o que ocorreu. Non é opinable, senón un feito constatable. O noso deber como xornalistas é sacala á luz para que sexan os cidadáns os que poidan extraer as súas propias conclusións. Xa sexa en Ucraína ou no discurso de calquera dos nosos políticos. Dar voz a unha mentira é desinformar. Transmitir comunicados oficiais sen contrastar nin ofrecer contexto, non é xornalismo.

O noso oficio, o bo oficio, require máis que nunca de tempo para separar o gran da palla, o que hai de certo entre tantos enganos...  Difícil tarefa nesta era da inmediatez, cando un xornalista pode verse obrigado a elaborar ao día múltiples crónicas a un ritmo frenético, sen estar especializado moitas veces sobre os temas dos que lle toca falar ou escribir.  

A precariedade golpea especialmente aos autónomos, pero tamén aos reporteiros incluídos nos cadros de persoal, sometidos cada vez a maiores esixencias de produtividade.

É hora de volver ás orixes. Primar a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas que engaden máis ruído ou ideoloxía que unha información rigorosa, veraz e de valor para as nosas audiencias.

Só así poderemos recuperar algo do prestixio e a credibilidade que un día tivo este nobre oficio. Pola contra, o xornalismo estará ferido de morte. Tamén a democracia. E os que queren impor o seu dominio, matando antes a verdade, terán gañado. Non o permitamos.

Érika Reija, xornalista
Gañadora do XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa