Todas as novas

O Colexio de Xornalistas expresa a súa satisfacción pola decisión de Tribunal Supremo de ordenar a reapertura do caso Couso

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar a súa satisfacción pola decisión do Tribunal Supremo de ordenarlle á Audiencia Nacional a reapertura da investigación pola morte do cámara galego de Telecinco, José Couso, no Hotel Palestine de Bagdad, en abril de 2003. O CPXG xa expresara a súa protesta en xullo de 2009, cando a Audiencia Nacional revogou por segunda vez o procesamento de tres militares estadounidenses e ordenou o peche do caso, ó entender que esta medida deixaba na impunidade a morte de Couso.

O Colexio de Xornalistas chamara a atención sobre o feito de que o auto concedese maior credibilidade ó informe do Mando Central Norteamericano ca ás testemuñas españolas, en especial cando estas son catro xornalistas.

Esta Xunta de Goberno agarda que a reapertura do caso sirva para depurar as responsabilidades no falecemento do cámara galego, que se atopaba no hotel no que se aloxaba toda a prensa internacional, e para que a súa morte no quede impune.

José Couso Permuy (Ferrol, 1965), licenciado en Ciencias da Información e Ciencias da Imaxe pola Universidade Complutense de Madrid, faleceu o 8 de abril de 2003 durante a invasión de Irak cando un carro de combate de Estados Unidos disparou contra o Hotel Palestine de Bagdad. Nese ataque tamén morreu o reporteiro da axencia Reuters Taras Protsyuk.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) entrega anualmente o premio á liberdade de prensa que leva o nome de José Couso, coa colaboración do Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2010

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia