Todas as novas

O CPXG convoca o III Premio José Couso de liberdade de prensa

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol convocaron a III edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, co patrocinio de Caixanova, certame que ten por obxectivos recoñecer e difundir o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha destacable traxectoria profesional, libre e independente; e homenaxear a José Couso e a todos os que defenden a liberdade de prensa. Nas edicións anteriores foron galardoados o xornalista Alí Lmrabet e o periódico MóndeLle Diplomatique.

Xosé Manuel Vega Gómez, decano do CPXG, declarou sobre esta convocatoria que se pretende premiar "aquel xornalismo que actúa como contrapoder cando o poder se desvía das regras de xogo democráticas esquecendo o dereito á liberdade de expresión ou o dereito a recibir información veraz".

Para Vega "o premio ten que servir para reforzar o compromiso dos xornalistas, dos cidadáns e dos representantes públicos para non deixarse vencer por coaccións ou ameazas que poidan estragar a convivencia democrática".

O decano lamentou tamén que vivamos nun país no que moitos cidadáns, entre eles xornalistas, seguen sometidos a ameazas terroristas.

Xan Morales Somoza, presidente do Club de Prensa de Ferrol, informou de que calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode presentar unha proposta de candidato para o Premio.

Pode facelo tamén calquera persoa ou organización vinculada co xornalismo.

Para presentar candidaturas é necesario incluír unha memoria explicativa na que se argumenten as razóns para apoiar a proposta (mínimo dun folio, máximo de cinco), e un CV do candidato ou unha explicación da traxectoria da organización (mínimo dun folio, máximo de catro).

O envío de candidaturas farase ó correo electrónico: premiocouso@xornalistas.com.

PERIODISTAS-ES