Todas as novas

O Supremo ordena á Audiencia que investigue de novo a morte de Couso

A xustiza española é competente no caso da morte do cámara José Couso en Iraq e a Audiencia Nacional debe investigala. Así o decidiu hoxe o Tribunal Supremo ó estimar o recurso interposto pola familia do xornalista, que faleceu ó ser atacado o seu hotel por un tanque norteamericano o 8 de abril de 2003. A sala do penal estimou o recurso en virtude da sentenza do Tribunal Constitucional de 5 de outubro de 2005 que estableceu que a Xustiza española é competente para xulgar delitos de xenocidio, crimes de guerra e crimes contra a humanidade fóra de España. O caso será devolto á Audiencia Nacional, onde deberá comezar de novo a instrución.

A Sala do Penal da Audiencia Nacional estimou o pasado 10 de marzo o recurso presentado polo fiscal contra a orde de busca e captura ditada polo xuíz Central de Instrución número 1 Santiago Pedraz, ó entender que a morte de Couso e do cámara de Reuters Taras Protsyuk non se tratou de "un acto intencional doloso de causar a morte", senón de "un acto de guerra realizado contra un inimigo aparente, erroneamente identificado".

O tribunal deixou sen efecto entón o auto do xuíz Pedraz que ordenaba a busca, captura e detención para os efectos de extradición dos militares norteamericanos sarxento Thomas Gibson, capitán Philip Wolford e tenente coronel Philip de Camp, que se encontraban no tanque que disparou contra o hotel Palestina.

O procedemento iniciouse por mor dunha querela presentada pola familia de Couso na Audiencia Nacional que foi admitida a trámite polo ex xuíz da Audiencia Nacional Guillermo Ruiz Polanco o 17 de outubro de 2003. Na querela solicitábase, entre outras dilixencias, o interrogatorio dos militares norteamericanos sarxento Thomas Gibson, capitán Philip Wolford e tenente coronel Philip de Camp, que se encontraban no tanque que disparou contra o hotel. A Xustiza estadounidense o pasado 13 de febreiro denegou a petición formulada por España para que fosen interrogados os soldados

Tras coñecer a decisión do Supremo a familia do cámara de Telecinco mostrou a súa "satisfacción absoluta e felicidade". "¡Que viva a Xustiza deste país!", celebrouno un dos seus irmáns, Javier Couso. "Por moito que sexan oficiais e suboficiais do Exército de Estados Unidos, son presuntamente criminais de guerra", manifestou á axencia Europa Press.

Le a nova en castelán en EL PAÍS.

MADRID
EL PAÍS / AXENCIAS