Todas as novas

O xuíz ordena deter aos militares sospeitosos de matar a José Couso

O xuíz Pedraz ordena busca e captura e ingreso en prisión para os tres militares estadounidenses sospeitosos da morte de José Couso, e pide autorización ao CGPJ para viaxar a Iraq entre outubro e novembro para facer unha inspección ocular de lugares dos feitos. O Tribunal Supremo ordenou este mesmo mes á Audiencia Nacional que reabrise a investigación pola morte en Iraq en 2003 do cámara de Telecinco José Couso, ao estimar o recurso presentado pola súa familia contra o arquivo da causa.

O TS establece que a estratexia bélica denominada "de impacto e terror" sobre persoas protexidas en caso de conflito armado "é penalmente imputable a quen teña dominio sobre a dirección específica das operacións bélicas".

Non era a primeira vez que se obrigaba á Audiencia Nacional a reabrir o caso. En decembro de 2006, o Supremo anulou un primeiro arquivo da causa rexeitando que o falecemento puidese incardinarse en "un acto de guerra". A causa pechouse despois de que se revogase o procesamiento do sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip Camp, acusados indiciariamente de provocar a morte de Couso ao efectuar un disparo desde un carro de combate.

O Supremo decidiu este mes deixar sen efecto o auto da Audiencia Nacional que confirmaba a conclusión do sumario. Joaquín Jiménez, Perfecto Andrés Ibáñez, Manuel Marchena, Diego Ramos e Francisco Monterde son os masgistrados que tomaron esta nova decisión.

O cámara de Telecinco José Couso faleceu en 2003 por mor das feridas provocadas polo ataque aliado ao hotel Palestina de Bagdad, no que se aloxou a maioría dos xornalistas internacionais que cobren a información da Guerra en Iraq. Xunto a el, morreu o cámara ucraíno de Reuters Taras Protsyuk, mentres que outros tres reporteiros da axencia resultaron feridos.

MARÍA PERAL
MADRID