Todas as novas

Presentouse en Ferrol o III Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Xa está en andamento a III edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que se presentou onte na Galería Sargadelos de Ferrol. O certame premia o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa. Este certame, que homenaxea a José Couso e a todos os que defenden a liberdade de expresión, está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración de Caixanova e nas anteriores edicións foron galardoados o xornalista Alí Lmrabet e o xornal Le Monde Diplomatique.

No acto de presentación inteviñeron Xan Morales Somoza, Presidente do Club de Prensa de Ferrol; Ángel Manuel Martínez Moar, Director Comarcal de Caixanova; e Xosé Manuel Vega Gómez, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Xan Morales informou da apertura do prazo para presentar candidaturas, que vai estar aberto até o luns, 12 de febreiro. Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode presentar unha proposta de candidato para o Premio. Pode facelo tamén calquera persoa ou organización vinculada co xornalismo. Para presentar candidaturas é preciso incluír unha memoria explicativa na que se argumenten as razóns para apoiar a proposta (mínimo de un folio, máximo de cinco), e un Curriculum Vitae do/a xornalista ou unha explicación da traxectoria da organización (mínimo de un folio, máximo de catro). O envío de candidaturas realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.com.

Trala intervención de Morales foi o turno de Ángel Manuel Martínez Moar, que expresou a "satisfacción" de Caixanova pola súa participación no Premio José Couso e a vontade de que se repita en anos posteriores esta colaboración. Aproveitando que estaban en Ferrol afirmou que o compromiso da entidade cos intereses de Galicia se concreta na aposta financeira que está facendo polo futuro do estaleiro Astano e a súa posíbel adquisición por Barreras.

Por último interveu Xosé Manuel Vega, que antes de mais felicitouse porque "o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz ordenase a captura dos tres soldados acusados da morte de José Couso" demostrando que "se segue sen facer xustiza" no caso do asasinato do cámara de Telecinco.

O decano do CPXG salientou que se pretende premiar "aquel xornalismo que actúa como contrapoder cando o poder se desvía das regras de xogo democráticas esquecendo o dereito a liberdade de expresión ou o dereito a recibir información veraz". Para Vega "o premio ten que servir para reforzar o compromiso dos xornalistas, dos cidadáns e dos representantes públicos para non deixarse vencer por coaccións ou ameazas que poidan deteriorar a convivencia democrática". O decano lamentou tamén que vivamos nun país no que moitos cidadáns, entre eles xornalistas, seguen sometidos a ameazas terroristas.

Nun ámbito mais doméstico, que segundo Vega "non se pode comparar cunha ameaza terrorista", sinalou que "hai que rexeitar algúns comportamentos non propios dun estado democrático de dereito no que existen canles para dirimir conflictos de intereses", referíndose "por exemplo á ameaza que este domingo dirixiu o presidente do Deportivo da Coruña a un xornalista de La Voz de Galicia dicindo que ‘algún día lo pagará’".

Por ultimo Xosé Manuel Vega lembrou que para que a información estea verdadeiramente ao servizo da cidadanía e non ao servizo de outros intereses, "os representantes públicos", en alusión á Xunta de Galicia, "deben cumprir os seus compromisos electorais, que eles mesmos cualificaron de ‘compromisos para a rexeneración democrática’". Reclamou a prometida desgobernamentalización dos medios públicos e o establecemento de novas regras de xogo entre os medios privados e o poder político, de tal xeito que as subvencións a estes medios sexan transparentes e teñan por finalidade unha mellor prestación a súa función informativa.