Todas as novas

Aberto ata o 16 de marzo o prazo para presentar candidaturas ao XII Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A XII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social “la Caixa”, foi presentada esta mañá na Galería Sargadelos de Ferrol. O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata as 19:00 horas do 16 de marzo.

O acto comezou coa intervención de Siro López, presidente do Club de Prensa de Ferrol, que quixo denunciar a nova circunstancia na que se atopa o caso do camarógrafo ferrolán asasinado que dá nome ao premio, logo de que o xuíz Pedraz recoñecera a imposibilidade de manter aberta a investigación trala reforma da xustiza universal. 

Ante esta situación, o presidente do Club de Prensa destacou que “levar a cabeza alta é unha actitude irrenunciable na familia Couso Permuy” e que “a firmeza e valentía do seu andar sacralizan un camiño que as persoas de ben precisamos seguir”. 

Susana Sanjurjo, directora de CaixaBank en Ferrol, lembrou que xa son cinco os anos que a Obra Social “la Caixa” participa na organización deste galardón que, “desde Galicia, premia o esforzo realizado en favor da liberdade de prensa, na súa defensa e salvagarda, recoñecendo e destacando os mellores exemplos de profesionalidade e bo traballo”. 

Sanjurjo salientou que a existencia dunha prensa exercida en liberdade é a “mellor ferramenta para avanzar” nos dereitos humanos, a paz, a xustiza e a dignidade das persoas, retos cos que está comprometida a Obra Social “la Caixa”. 

Rematou o acto coa intervención do decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, quen recordou que, como os tres organizadores do premio, son tamén tres os factores, ademais da existencia de medios, necesarios para que haxa liberdade de prensa: “empresas sostibles, ou precarias con ganas de sobrevivir, xornalistas independentes e unha sociedade que a demande e a reclame se non existe”. Unha liberdade de prensa que, puntualizou, non só está en perigo “nos sitios onde hai conflitos armados, senón tamén aquí”.

A continuación, anunciou a abertura do prazo de presentación de candidatos, facendo un chamamento á participación de todos os xornalistas. Ata as 19:00 horas do 16 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 18 de marzo. Entre ese día e as 19:00 horas do 12 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios e socias do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. A entrega terá lugar o día 3 de maio.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.gal ou a través da web do Premio Couso


Ferrol, 24 de febreiro do 2016
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia