Todas as novas

Ábrese o prazo para presentar as candidaturas ao IX Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu esta mañá a presentación da IX edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’. O Presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, anunciou a apertura do prazo de presentación de candidatos. Ata o 12 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 14 de marzo. O 16 de abril darase a coñecer o fallo do xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa, e a principios do mes de maio terá lugar o acto de entrega en Ferrol.

O presidente do Club de Prensa de Ferrol cedeulle a palabra a Marc Arthur Benhamou, Director Territorial de ‘la Caixa’ en Galicia, quen dixo sentirse agradecido pola confianza que o Colexio e o Club de Prensa depositan na entidade. Benhamou afirmou que "a liberdade de prensa significa traballar sen medo a perder o emprego", e condenou a "grave situación que está a vivir a profesión, cuns 10.000 despedimentos" no último ano e "uns 200 medios pechados" desde o inicio da crise. Neste sentido subliñou que "a mera existencia dun Colexio é un fito" na defensa do xornalismo galego, "máxime cando noutras comunidades se están a dar os primeiros pasos para a súa constitución".

O acto pechouno o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, declarando que "nese sentido, que pechen medios, delegacións ou corresponsalías en Ferrol non é soamente un problema laboral. É que Ferrol perde espellos nos que mirarse e altofalantes nos que escoitarse, e o resto de Galicia perde as referencias do que pasa aquí, do acontecer social, económico, político e cultural, dos matices da vida cotiá dunha comarca de 200 e pico mil persoas".

Pereiro destacou que "a crise da profesión ven dada non só pola crise económica, senón tamén pola crise de descrédito, como que un presidente do goberno se relacione cos xornalistas dende o cuarto do lado a través dunha pantalla de plasma, e os medios accedan a servir de atrezzo". Afirmou tamén que "os xornalistas van a unha rolda de prensa non a pór nervioso a quen a dá, senón a facer as preguntas que lle faría a cidadanía", e que quen a dá está obrigado "a dar as respostas que lle daría a esa mesma cidadanía. Neste sentido, celebrou que o Foro de Organizacións de Xornalistas, do que forma parte o CPXG, condenara explicitamente este feito.

A presentación rematou emprazando aos medios para o próximo 16 de abril cando se fará público o fallo do xurado.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.com.

Ferrol, 5 de febreiro de 2013

CPXG