Todas as novas

Jon Lee Anderson, cronista The New Yorker, gañador III premio «José Couso»

O xornalista norteamericano Jon Lee Anderson , cronista do diario The New Yorker, foi galardoado na III edición do Premio «José Couso» á Liberdade de Prensa que se fallou en Ferrol, cidade natal do cámara de televisión morto por militares norteamericanos en Iraq en abril do 2004. Darío Janeiro, secretario do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que xunto ó Club de Prensa de Ferrol e Caixanova impulsaron en 2004 a creación do certame, deu lectura á acta do xurado nun acto que se desenvolveu este mediodía na galería Sargadelos de Ferrol.

A organización do certame destacou a experiencia e profesionalidade de Anderson, con máis de 30 anos de experiencia na profesión e «a súa constancia e coherencia na busca da verdade».

Anderson, a quen xa se lle comunicou a concesión do recoñecemento, recibirá o galardón no Teatro Jofre de Ferrol nun acto que terá lugar o próximo 2 de maio, véspera do Día Mundial da Liberdade de Prensa.

O Premio «José Couso» á Liberdade de Prensa creouse no 2004 en recordo do cámara de televisión ferrolán e para honrar a memoria de todos os profesionais «asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e informadores».

O obxectivo do citado galardón é «recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou dunha organización existente e destacada na defensa da liberdade de prensa» e chamar a atención sobre o dereito á información libre e veraz «un dereito
habitualmente vulnerado por gobernos de todo o mundo».

O galardón non ten dotación económica, e os premiados recibirán unha réplica da escultura «Ás Ceibes» (Alas Libres) do artista Manuel Patinha, que se instalou no Cantón de Molíns meses despois da morte do cámara ferrolán en recordo de todos os profesionais asasinados por defender a veracidade e a pluralidade da información.

Ó acto e en representación da familia do cámara ferrolán, tamén asistiu Quico Permuy, tío de José Couso. A organización do premio manifestou que «apoiarán e defenderán todas as iniciativas» en memoria do cámara asasinado para «reclamar unha xustiza que aínda non chegou».

O xornalista marroquí Ali Lmrabet e Ignacio Ramonet, director de Le Monde Diplomatique, foron os dous profesionais galardoados nas edicións anteriores.

LA VOZ DE GALICIA / REDACCIÓN DIXITAL / EFE
FERROL