Todas as novas

O xornalista de guerra Jon Lee Anderson recibirá mañá en Ferrol o premio José Couso de Liberdade de Prensa

O xornalista de guerra de "The New Yorker" Jon Lee Anderson recibirá mañá en Ferrol o premio José Couso á Liberdade de Prensa nun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Por primeira vez desde que se concede este galardón, asistirán ó acto a nai e o irmán de José Couso, o cámara de televisión falecido en Iraq no 2003 para entregar a distinción a Anderson, que se desprazará desde Afganistán, onde actualmente se encontra destinado.

Ademais da entrega do premio, desenvolveranse outras actividades con motivo da celebración do Día da Liberdade de Expresión, como unha ofrenda floral ó monumento da Liberdade de Prensa e a lectura dun manifesto a cargo da poetisa e xornalista Eva Veiga.

Os actos, organizados polo Club de Prensa de Ferrol e ós que tamén asistirán o alcalde e outros membros da corporación municipal, darán comezo no Teatro Jofre de Ferrol a partir das 19.30 horas.

SIGLO XXI / EUROPA PRESS
SANTIAGO DE COMPOSTELA