Todas as candidaturas

Pablo González

Candidatura na edición do ano 2022

Pablo González é un xornalista e politólogo vasco especializado na información da órbita ex soviética. Mentres informaba sobre o Donbass, foi acusado de "prorruso" polos servizos secretos ucraínos e convidado a abandonar o país. De volta a Polonia, cubría a chegada de refuxiados ucraínos cando foi detido e retido durante catro días sen asistencia legal pola intelixencia polonesa. Actualmente encóntrase no cárcere de Rzeszów, acusado dun delito de espionaxe.

Pablo González é un xornalista e politólogo vasco, aínda que naceu en Moscova por consecuencias derivadas da Guerra Civil española.Con estudos de filoloxía eslava e seguridade internacional, leva unha década cubrindo a información de Rusia e das antigas repúblicas soviéticas desde diferentes medios como a axencia EFE, La Sexta, Público ou Gara. Entre as súas coberturas destacan conflitos como o do Donbass e o de Nagorno-Karabakh. É director e cofundador do dixital Eulixe e membro do grupo de investigación GeopolitikaZ, ademais de doutorando na Universidade do País Vasco. 

González estaba a cubrir o conflito entre Rusia e Ucraína no Donbass cando o pasado 6 de febreiro foi interrogado polos servizos secretos ucraínos, que o acusaron de "prorruso" e o instaron a abandoar o país nun prazo de tres días, aínda que nunca se chegou a cursar unha orde de expulsión. A recomendación do seu avogado, regresou a España, pero coa entrada das tropas rusas en Ucraína voou a Polonia, onde está afincado, para informar desde a zona. Apenas dous días despois de chegar, o 28 de febreiro, chamou á familia desde Rzeszow, onde estaba a cubrir a chegada de refuxiados ucraínos, para comunicarlle que fora detido por axentes da Agencja Bezpieczeństwa Wewnętrznego, a Axencia de Seguridade Interior polonesa, un dos servizos secretos do país. 

Desde entón, Pablo González pasou catro días sometido a interrogatorios, sen ningún tipo de asistencia legal nin consular e sen que a familia ou os achegados puideran contactar con el, unha situación que varias voces denunciaron como contraria á Carta de Dereitos da Unión Europea. A única información sobre el foi que estaba acusado de actuar "en contra dos intereses poloneses", sen que se coñeceran os cargos, o seu paradoiro, ou o seu estado de saúde. Finalmente, o 3 de marzo, o Consulado de España en Polonia avisou ao seu avogado de que se encontra en prisión provisional no cárcere de Rzeszów, acusado dun delito de espionaxe en virtude do artigo 130.1 do Código Penal polonés. 

Numerosas organizacións de xornalistas de todo o mundo, entre elas a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, reclamaron a Polonia a súa inmediata liberación.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.