Todas as candidaturas

Manuel Rivas

Candidatura na edición do ano 2010

Nacido o 24 de outubro de 1957 na rúa Marola do barrio coruñés de Montealto. Estudou secundaria no IES Monelos. Desde hai moitos anos vive en Vimianzo. A totalidade da súa obra literaria desenvólvese en lingua galega, aínda que tamén escribe artigos xornalísticos en castelán.

O seu libro de contos Que me queres, amor? (1995, 1996 en castelán) inclúe o relato A lingua das bolboretas, no que se baseou a película homónima. A súa obra complétase cos libros de relatos Ela, maldita alma (1999), A man do emigrante (2001), e As chamadas perdidas (2002).

É autor de tres novelas curtas: Os comedores de patacas (1992), O lapis do carpinteiro (1999), Premio da Crítica española, levada ao cinema por Antón Reixa, e En salvaxe compaña (1994), que foi reeditada con correccións do autor en 2004. As súas últimas obras son O heroe (2006), teatral; Os libros arden mal (2006), unha novela e Os Grouchos (2008), un ensaio xornalístico. Xunto con Suso de Toro é a cabeza visible dunha xeración de narradores galegos con amplo eco de crítica e público en España.

En canto á súa obra xornalística, boa parte das súas mellores reportaxes están compilados en El periodismo es un cuento (1998), usado como libro de texto en numerosas facultades de Ciencias da Información, así como nos volumes Toxos e flores (1992), Galicia, o bonsái atlántico (1994), Galicia, Galicia (2001), Muller no baño (2004) e Unha espía no reino de Galicia (2004).

Os seus traballos poéticos están recollidos na antoloxía O pobo da noite, Do descoñecido ao descoñecido e Mohicania revisada.

Xornalista desde os quince anos, colaborou con diversos medios de prensa, radio e televisión. Na actualidade escribe no diario El País.

Comprometido co seu país e a súa realidade, Manuel Rivas foi socio fundador de Greenpeace en España, e ocupou cargos directivos na organización durante varios anos. Durante a catástrofe do Prestige, participou na creación da plataforma cidadá Nunca Máis