As bases

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), creado pola Lei do Parlamento Galego 2/99 do 24 de febreiro e o Club de Prensa de Ferrol convocan a décimo oitava edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

José Couso foi disparado o 8 de abril de 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos de Tele5. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucraíno Taras Protsyuk. Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.

O XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa rexerase polas seguintes bases:

1. Calquera organización ou profesional da comunicación viva, que se destacara en defensa da liberdade de prensa pode ser proposto para o premio José Couso.

2. Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta argumentada de candidato para o Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada de forma demostrable ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura.

3. As candidaturas deben incluír a seguinte DOCUMENTACIÓN:

  • a. MEMORIA que conteña as razóns para apoiar dita candidatura (mínimo dun folio, máximo de catro).
  • b. CURRÍCULUM VITAE do candidato ou traxectoria da organización (mínimo dun folio, máximo de catro).

A candidatura pode ir acompañada, de ser necesario, por outros tipos de material de apoio e, en xeral, por calquera documento que achegue datos relevantes e información adicional. Esta información poderá ser incorporada á web do Premio. Non se admitirán candidaturas que non inclúan a documentación anteriormente sinalada.

4. As candidaturas serán enviadas por correo electrónico a premiocouso@xornalistas.gal ou a través da páxina web do premio https://couso.xornalistas.gal/. Deberá ir perfectamente identificada a persoa ou entidade que propón a candidatura e un número de teléfono de contacto para as comprobacións pertinentes.

5. As candidaturas deberán presentarse necesariamente antes das 14:00 horas do luns 7 de marzo.

6. Non serán admitidas as candidaturas que non cumpran cos anteriores requisitos. A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. O Secretario do CPXG e do premio levantará acta sobre as candidaturas recibidas e entregadas, xunto coas mesmas, á organización. A comisión fará oficiais e públicas -na web do Premio e na sede do CPXG- as candidaturas o xoves 10 de marzo.

7. A Xunta de Goberno do CPXG e a Directiva do Club de Prensa de Ferrol nomearán unha comisión específica para o certame na que estarán representados, como mínimo, o presidente, vicepresidente e secretario do premio. Esta comisión é o máximo órgano de decisión do premio e os seus ditames non admiten recurso algún. A comisión será a encargada de aprobar as candidaturas presentadas e de decidir o número de candidaturas finalistas do premio, que serán sobre as que votará o xurado. Non poderá haber máis de catro candidaturas finalistas.

8. O XURADO do Premio José Couso está constituído por todos e cada un dos colexiados do CPXG e socios do Club de Prensa de Ferrol que teñan ao día o pagamento das súas cotas de asociados. Cada entidade participante é responsable de ter ao día e verificar o seu censo. O Decano do CPXG, a Presidenta do Club de Prensa e o secretario do CPXG ostentarán, respectivamente, a presidencia, vicepresidencia e secretaría do xurado.

9. O xurado poderá votar única e exclusivamente a través de internet. A votación electrónica realizarase entre os días 10 de marzo e as 14:00 horas do 7 de abril na web do premio, https://couso.xornalistas.gal/.

Os colexiados e colexiadas do CPXG realizarán o seu voto a través da intranet da web do CPXG. Os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol realizarán o seu voto enviando un mail co seu candidato a premiocouso@xornalistas.gal. Deberán enviar a súa elección e incluír os seus datos persoais (nome, DNI e número de asociado). O voto non será válido se os datos non foran correctos. Só se aceptará un voto procedente da mesma conta de correo electrónico.

O Secretario do CPXG levantará acta dos votos recibidos, quen os contará atribuíndollos a cada un dos candidatos. O Premio seralle concedido ao candidato que obteña a maioría dos votos. En caso de empate, o presidente do xurado disporá de voto de calidade.

Este procedemento será supervisado por un notario, quen levantará acta do resultado.

10. O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.

11. O fallo do xurado darase a coñecer en rolda de prensa.

12. A participación no certame implica a aceptación completa destas bases, depositadas ante notario.

​Se queres, podes descargar as bases en formato PDF.